Tratamento

A AGPI xestiona e rexistra a información a través dun sistema seguro. Investiga a veracidade dos feitos reportados, requirindo colaboración de entidades públicas e privadas, ao tempo que garante a confidencialidade dos datos persoais. Actúa baixo normativas específicas para protexer aos informantes, establecendo un marco claro para o tratamento da información na loita contra a corrupción.

Enviar comunicación
security

Tratamento da información

Presentada a información, procederase ao seu rexistro no Sistema de Xestión de Información da Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante (AGPI), séndolle asignado un código de identificación.

O Sistema de Xestión de Información estará contido nunha base de datos segura e de acceso restrinxido exclusivamente ao persoal da AGPI convenientemente autorizado, na que se rexistrarán todas as comunicacións recibidas, e na que constará a data de recepción, o código de identificación, as actuacións desenvoltas, as medidas adoptadas e a data de peche.

Potestades de investigación

A Autoridade realizará todas las actuacións encamiñadas a comprobar a verosimilitude dos feitos obxecto da comunicación.

O persoal funcionario adscrito á Autoridade que desenvolvan actividades de investigación ten a consideración de axente da autoridade no exercicio das súas funcións.

Deber de colaboración

As persoas naturais ou xurídicas, privadas ou públicas, deberán colaborar coa Autoridade e estarán obrigadas a atender os requirimentos que se lles dirixan para achegar documentación, datos ou calquera información relacionada cos procedementos que se estean tramitando, incluso os datos persoais que lle fosen requiridos.

Confidencialidade

O persoal funcionario da Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante está obrigado a gardar secreto sobre as informacións que coñezan con ocasión do exercicio da súas funcións.

No exercicio das súas funcións de investigación e inspección, a Axencia pode acceder a calquera información que se atope en poder das persoas xurídicas, públicas ou privadas, suxeitas ao seu ámbito de actuación. No caso de particulares, a potestade de inspección limitarase estritamente ás actividades relacionadas coas entidades públicas.

Protección e cesión de datos

Normativa de aplicación

Os tratamentos de datos persoais rexeranse polo disposto no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, na Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, na Lei Orgánica 7/2021, do 26 de maio, de protección de datos persoais tratados para fins de prevención, detección, investigación e axuizamento de infraccións penais e de execución de sancións penais e no establecido no título VI da Lei 2/2023, do 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción.

A Autoridade non recompilará datos persoais cuxa pertinencia non resulte manifesta para tratar unha información específica ou, se se recompilan por accidente, eliminaranse sen dilación indebida.

Licitude dos tratamentos de datos persoais

Consideraranse lícitos os tratamentos de datos persoais necesarios para a aplicación da Lei 2/2023 en virtude do que dispoñen os artigos 6.1.c) do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, 8 da Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, e 11 da Lei Orgánica 7/2021, do 26 de maio de 2024.

O tratamento de datos persoais derivado dunha revelación pública presumirase amparado no disposto nos artigos 6.1.e) do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, e 11 da Lei Orgánica 7/2021, do 26 de maio.

O tratamento das categorías especiais de datos persoais por razóns dun interese público esencial poderase realizar conforme ao previsto no artigo 9.2.g) do Regulamento (UE) 2016/679.

Información sobre protección de datos persoais e exercicio de dereitos

Cando os datos persoais se obteñan directamente dos interesados, facilitaráselles a información a que se refiren os artigos 13 do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, e 11 da Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro.

Aos informantes e a quen leve a cabo unha revelación pública informaráselles, ademais, de forma expresa, de que a súa identidade será en todo caso reservada, que non se comunicará ás persoas ás que se refiren os feitos relatados nin a terceiros.

A persoa á que se refiran os feitos relatados non será en ningún caso informada da identidade do informante ou de quen levase a cabo a revelación pública.

Dereitos de acceso, rectificación, supresión, limitación no tratamento, portabilidade e oposición

Os interesados poderán exercer ante a Autoridade os dereitos de acceso, rectificación, supresión, limitación no tratamento, portabilidade e oposición (artigos 15 a 22 do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016.

Será lícito o tratamento dos datos por outras persoas, ou mesmo a súa comunicación a terceiros, cando resulte necesario para a adopción de medidas correctoras na entidade ou a tramitación dos procedementos sancionadores ou penais que, no seu caso, procedan.

En ningún caso serán obxecto de tratamento os datos persoais que non sexan necesarios para o coñecemento e investigación das accións ou omisións ás que se refire o artigo 2, procedéndose, no seu caso, á súa inmediata supresión. Así mesmo, suprimiranse todos aqueles datos persoais que se poidan comunicar e que se refiran a condutas que non estean incluídas no ámbito de aplicación da lei.

Se a información recibida contivese datos persoais incluídos dentro das categorías especiais de datos, procederase á súa inmediata supresión, sen que se proceda ao rexistro e tratamento dos mesmos.

Conservación de datos de carácter persoal

Os datos que sexan obxecto de tratamento poderán conservarse no sistema de informacións unicamente durante o tempo imprescindible para decidir sobre a procedencia de iniciar unha investigación sobre os feitos informados.

En todo caso, transcorridos tres meses desde a recepción da comunicación sen que se iniciaron actuacións de investigación, deberá procederse á súa supresión, salvo que a finalidade da conservación sexa deixar evidencia do funcionamento do sistema. As comunicacións ás que non se deu curso soamente poderán constar de forma anonimizada, sen que sexa de aplicación a obrigación de bloqueo prevista no artigo 32 da Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro.

Información non veraz

Se se acreditase que a información facilitada ou parte dela non é veraz, deberá procederse á súa inmediata supresión desde o momento en que se teña constancia da devandita circunstancia, salvo que dita falta de veracidade poida constituír un ilícito penal, nese caso gardarase a información polo tempo necesario durante o que se tramite o procedemento xudicial.

Decisións adoptadas pola Autoridade

De conformidade co disposto no artigo 20 da Lei 2/2023, as decisións adoptadas pola AGPI na tramitación dos procedementos iniciados como consecuencia dunha comunicación, non serán recorribles en vía administrativa nin en vía contencioso administrativa, sen prexuízo do recurso administrativo ou contencioso administrativo que puidese interpoñerse fronte á eventual resolución que poña fin ao procedemento sancionador que puidese incoarse con ocasión dos feitos relatados.

Procedemento sancionador

Corresponde á Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante (AGPI) o exercicio da potestade sancionadora no ámbito da Lei 2/2023, respecto de as infraccións cometidas no ámbito do sector público autonómico e local do territorio da Comunidade Autónoma, conforme aos principios e con suxeición ás regras de procedemento previstas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do Réxime Xurídico do Sector Público e Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, sen prexuízo das facultades disciplinarias que no ámbito interno de cada organización puidesen ter os órganos competentes.

Infraccións moi graves

Terán a consideración de infraccións moi graves aos efectos da Lei 2/2023, as seguintes accións ou omisións dolosas:

  • Calquera actuación que supoña unha efectiva limitación dos dereitos e garantías previstos nesta lei introducida a través de contratos ou acordos a nivel individual ou colectivo e en xeral calquera intento ou acción efectiva de obstaculizar a presentación de comunicacións ou de impedir, frustrar ou retardar o seu seguimento, incluída a achega de información ou documentación falsa por parte dos requiridos para iso.

  • A adopción de calquera represalia derivada da comunicación fronte aos informantes ou as demais persoas incluídas no ámbito de protección establecido no artigo 3 desta lei.

  • Vulnerar as garantías de confidencialidade e anonimato previstas nesta lei, e de forma particular calquera acción ou omisión tendente a revelar a identidade do informante cando este optase polo anonimato, aínda que non se chegue a producir a efectiva revelación da mesma.

  • Vulnerar o deber de manter secreto sobre calquera aspecto relacionado coa información.

  • A comisión dunha infracción grave cando o autor fose sancionado mediante resolución firme por dúas infraccións graves ou moi graves nos dous anos anteriores á comisión da infracción, contados desde a firmeza das sancións.

  • Comunicar ou revelar publicamente información a propósito da súa falsidade.

  • Incumprimento da obrigación de dispoñer dun Sistema interno de información nos termos esixidos nesta lei.

Infraccións graves

Terán a consideración de infraccións graves as seguintes accións ou omisións:

  • Calquera actuación que supoña limitación dos dereitos e garantías previstos nesta lei ou calquera intento ou acción efectiva de obstaculizar a presentación de informacións ou de impedir, frustrar ou retardar o seu seguimento que non teña a consideración de infracción moi grave conforme ao apartado anterior.

  • Vulnerar as garantías de confidencialidade e anonimato previstas nesta lei cando non teña a consideración de infracción moi grave.

  • Vulnerar o deber de secreto nos supostos en que non teña a consideración de infracción moi grave.

  • Incumprimento da obrigación de adoptar as medidas para garantir a confidencialidade e secreto das informacións.

  • A comisión dunha infracción leve cando o autor fose sancionado por dúas infraccións leves, graves ou moi graves nos dous anos anteriores á comisión da infracción, contados desde a firmeza das sancións.

Infraccións leves

Terán a consideración de infraccións leves as seguintes accións ou omisións:

  • Remisión de información de forma incompleta, de maneira deliberada por parte do Responsable do Sistema á Autoridade, ou fora do prazo concedido para iso.

  • Incumprimento da obrigación de colaboración coa investigación de informacións.

  • Calquera incumprimento das obrigacións previstas nesta lei que non estea tipificado como infracción moi grave ou grave.

Sancións

A comisión de infraccións previstas nesta lei levará aparellada a imposición das seguintes multas:

  • Se son persoas físicas as responsables das infraccións, serán multadas cunha contía de 1.001 ata 10.000 euros pola comisión de infraccións leves; de 10.001 ata 30.000 euros pola comisión de infraccións graves e de 30.001 ata 300.000 euros pola comisión de infraccións moi graves.

  • Se son persoas xurídicas serán multadas cunha contía ata 100.000 euros en caso de infraccións leves, entre 100.001 e 600.000 euros en caso de infraccións graves e entre 600.001 e 1.000.000 de euros en caso de infraccións moi graves.

Adicionalmente, no caso de infraccións moi graves, a Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante (AGPI) poderá acordar:

  • A amoestación pública.

  • A prohibición de obter subvencións ou outros beneficios fiscais durante un prazo máximo de catro anos.

  • A prohibición de contratar co sector público durante un prazo máximo de tres anos de conformidade co previsto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se transponen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

As sancións por infraccións moi graves de contía igual ou superior a 600.001 euros impostas a entidades xurídicas poderán ser publicadas no Boletín Oficial do Estado.