O 1 de novembro entra en funcionamiento a Autoridade Galega de Protección á Persoa Informante
No ano 2019, a Unión Europea publicou a Directiva 2019/1937, relativa á protección das persoas que informen sobre infraccións do Dereito da Unión, coa finalidade de reforzar a aplicación do Dereito e as políticas da Unión en ámbitos específicos mediante o establecemento de normas mínimas comúns que proporcionen un elevado nivel de protección das persoas que informen sobre infraccións do Dereito da Unión. Unha desas previsións e a obrigación de cada Estado da UE de determinar que autoridades serían as competentes para recibir a información sobre infraccións que entren no ámbito de aplicación da Directiva e seguir adecuadamente as denuncias.
Ditas autoridades competentes, segundo a Directiva, poderían ser autoridades xudiciais, organismos de regulación ou de supervisión competentes nos ámbitos específicos de que se trate, ou autoridades cunha competencia máis xeral a escala central dentro dun Estado membro, autoridades encargadas do cumprimento do Dereito, organismos de loita contra a corrupción ou defensores do pobo.
En España, a Directiva foi transposta coa aprobación da Lei 2/2023, do 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción. E nela recoñécese de xeito expreso a posibilidade de implantación de canles externas de información por parte das comunidades autónomas.
A Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, engadiu á Lei 1/2016 un novo capítulo IV no título II, polo que se crea a Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante (AGPI) co fin de cumprir as previsións da Lei 2/2023, do 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción. E fíxoo adscribíndoa á Valedora do Pobo, e exercendo as súas funcións con plena autonomía e independencia, sen que en ningún caso poida recibir indicacións ou instrucións de calquera órgano, autoridade pública ou entidade privada.
A tales efectos, a propia Lei 10/2023, que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2024, concretou o comezo do exercicio das funcións da Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante aos dez meses desa entrada en vigor.
O 1 de novembro de 2024 ponse en funcionamento a Autoridade Galega de Protección ao Informante (AGPI).
Dende esa data, calquera persoa física que traballe no sector privado ou público e que obtivese información sobre infraccións nun contexto laboral ou profesional acerca de accións ou omisións que poidan constituír infraccións do Dereito da Unión Europea ou que poidan ser constitutivas de infracción penal ou administrativa grave ou moi grave, poderá comunicar coa AGPI a través do formulario da súa páxina web ou nun teléfono de contacto así como unha dirección de correo electrónico para que poidan comunicarse da maneira máis sinxela posible.
Pero é que, mesmo, coa finalidade de facer o máis accesible posible a recepción de comunicacións, os informantes poden acudir á sede da AGPI para o efecto de comunicar o que consideren oportuno, sempre dentro do ámbito de aplicación da Lei 2/2023.
A AGPI garantiralles aos informantes a confidencialidade das súas comunicacións, prestándolles o apoio necesario para que pode realizar a comunicación sen inxerencias externas.
A AGPI a través da súa páxina web dispoñerá dun apartado de preguntas máis frecuentes, nas que se explicará, nunha sección separada, facilmente identificable e plenamente accesible, todo o necesario que relación a: 1) as condicións para poder acollerse á protección que outorga a AGPI; 2) os datos de contacto para as canles externas de información, en particular, as direccións electrónica e postal e os números de teléfono asociados; 3) os procedementos de xestión; 4) o réxime de confidencialidade aplicable ás comunicacións e a información sobre o tratamento dos datos persoais; 5) as vías de recurso e os procedementos para a protección fronte a represalias, e a dispoñibilidade de asesoramento confidencial; e 6) os datos de contacto da AGPI.